Wednesday 15 de May de 2024

O concello acentúa a participación cidadá cunha nova sección web na que os veciños podan facer achegas ás ordenanzas locais


Fabiola García informou de que o concello está traballando nun decálogo de medidas de transparencia, das que avanzou catro

A concelleira delegada de Administación, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Fabiola García Martínez, presentou esta mañá un paquete de actuacións de inminente implantación coas que o Executivo pretende favorecer a transparencia e a participación cidadá no seo do municipio.

Fabiola García manifestou que, en sintonía co avanzado polo alcalde no seu discurso de investidura, o Concello está traballando na elaboración dun decálogo de medidas concibidas expresamente con tal propósito, catro das cales a edil explicou a continuación.

Viveiro de empresas
Así, manifestou que a semana próxima a Administración Municipal recepcionará as obras realizadas no andar baixo do Consistorio para a creacón dunha Área de Atención Cidadá cuxa apertura de portas está prevista para o mes de outubro.

Este espazo servirá para centralizar nun mesmo espazo a meirande parte dos trámites polos que un veciño acude ao Concello. Contará cunha superficie útil de 157 metros cadrados. “Con este novo espazo abrimos aínda máis as portas do Concello a todos os veciños para recibir as súas suxestións e facilitar os seus trámites”, manifestou.

Regulamento de Participación Cidadá
Outra das medidas reside na elaboración dun Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. Este documento xa foi presentado a todos os grupos políticos municipais e servirá para facilitar a participación activa dos veciños no día a día municipal.

Lexisla con Nós
Unha terceira medida vai intrinsecamente ligada a esta, como é a creación dunha nova sección na páxina web do Concello (www.riveira.es / www.riveira.gal) na que, baixo a denominación de Participación Cidadá, se van incluír distintos apartados vinculados con esta temática. O primeiro deles xa está operativo dende onte e trátase da iniciativa “Lexisla con Nós”. A intención do Concello é publicar aí cantos borradores de ordenanzas ou regulamentos municipais se estean elaborando ou modificando para que, nun prazo de 15 días e en todo caso antes da súa aprobación definitiva, os veciños poidan realizar a través dun formulario as súas achegas e suxerencias.

“Lexisla con Nós” foi estreada hoxe mesmo colgando precisamente o borrador do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá (http://www.riveira.es/participacion-cidada/lexisla-con-nos/) e, segundo avanzou Fabiola García, en poucas semanas tamén serán publicadas as novas normativas sobre inclusión social, funcionamento do Arquivo Municipal e sobre o Viveiro de Empresas. A intención é poder levar todas estas normativas ao pleno de outubro para a súa aprobación provisional.

Por último, a responsable local de tranparencia informou de que este luns xa será posible visionar en streaming o pleno ordinario da Corporación Municipal. A tal efecto habilitarase na propia web municipal unha canle de youtube co fin de que os interesados poidan atender ás sesións plenarias dende os seus ordenadores ou dispositivos, ben sexa en directo ou no momento en que o desexen.